La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O martes pasado estiven en Ferrol para dar unha conferencia. Non puiden ver unha amiga miña, estudante de COU, que desde hai un ano me escribe unhas cartas moi amables, pero á cal non coñezo persoalmente. Vin, en cambio, outros amigos, sobre todo a xente que asistiu á conferencia. Chamoume a atención que, ao rematar, algúns dos presentes se achegaron para preguntarme polo gato Samuel, que polo que vexo, debe de ser o gato máis famoso e querido de toda Galicia. Díxenlles que está moi ben, que cada día se volve máis lambonciño e que agora colleu o mal costume, co cambio de horario que se produciu hai pouco, de reclamar o almorzo unha hora antes. Nisto compórtase como un reloxo automático e non hai maneira de impedilo.

A min, cando me preguntan polo gato Samuel, ás veces dáme algo de vergonza, sobre todo por dúas razóns. A primeira, porque nunha ocasión recibín unha carta dun señor que me dicía que tiña a sospeita de que Samuel non existía, que era unha invención literaria. A segunda, porque unha amiga miña escoitou en Ourense que eu non trataba ben o gato.

Non me importaría demasiado que me considerasen capaz de inventar un gato, como aquel amigo meu que inventou un can feroz, avisando da súa presenza nun letreiro, só para que non lle roubasen. Pero non me gustaría que me tomasen por un hipócrita ou un malvado que tortura gatos, máis que nada porque iso me recorda a un colega meu que escribía marabillas dun can ao cal lle pegaba patadas cada vez que se cruzaba con el no piso onde residían. Polo tanto, Samuel existe e incluso saíu un día na televisión. Respecto do trato, creo que é bo, fóra dalgunha maldición que lle dedico cando me esperta ás seis da mañá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de novembro de 1999.