La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, durante unha cea cun grupo de amigos e amigas, unha parte da conversa que mantivemos estivo dedicada a falar dun home feísimo que coñecían todos os presentes, excepto eu, que nunca o vin diante. Polo que contaban entre risas, debe de ser horroroso. Segundo puiden deducir, trátase dunha persoa de pouco máis de trinta anos, sen deformidade física de ningún tipo, pero moi feo, aínda que ninguén conseguiu describir para min, dunha maneira eficaz e clara, en que consistía tanta fealdade.

Ao final, cheguei á conclusión de que máis que feo, o señor do cal falaban era triste. Porque as características que me deron del insistían sobre todo en aspectos da súa maneira de ser ou da súa personalidade antes que en características de tipo físico. É dicir, que se referían a un individuo zulú, aburrido e calado. Iso que chaman un gafe.

Creo que é o escritor Francisco Ayala quen di que o gafismo consiste fundamentalmente nunha forma degradada da tristeza que, en xeral, se traduce en falta de graza. A min paréceme unha boa definición. Case todos os gafes que coñecín respondían a ese esquema. Por iso sempre sentín compaixón por eles. Por outra parte, a mala sorte que se lles atribúe, deixando á parte casos escandalosos, nunca pasa de pequenas trapalladas. Como moito, fundir unha bombilla ou rachar un prato. De aí nunca pasan.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de outubro de 1997.