La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O personaxe chámase Ian Wachtmeister, un apelido que en Suecia ten o brillo antigo da vella aristocracia, e apareceu na vida política hai un par de anos, cando se presentou ás últimas eleccións cun discurso agresivo, demagóxico e bocazas, que ao principio causou sorpresa e provocou bromas, pero que acabou conseguindo o cinco por cento dos votos e unha ampla representación parlamentaria. Desde entón, ninguén volveu falar das súas gravatas estrafalarias nin da súa ignorancia política, mastodóntica.

É o ídolo de moitos rapaces e o líder desas xentes resentidas que hai en todas partes, incapaces de entender todo canto no mundo ocorra a unha distancia superior á que existe entre a comida e os seus estómagos. É tamén o aliado do goberno: cuestión de votos.

Onte escoitei o personaxe na televisión: un mentecato; tamén un cínico; incluso me atrevería a dicir que un senvergonza. Acaba de ser denunciado por darlle un puñazo no estómago a un rapaz de dezanove anos. Falaba como un caradura, cunha risiña malévola de coello, displicente e distante, aristocrático. Quixo facer unha graza e saíulle a alma pola boca: que un home de sesenta e nove anos lle bata a un mozo de dezanove parece máis un mérito que outra cousa. Desde logo, con eses méritos chegou a deputado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xullo de 1993.