La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se con frecuencia falo de curas neste espazo, como sucedeu co crego casamenteiro de onte, é porque coñecín moitos cando era neno. En xeral, boa xente, aínda que atopei de todo. Pola casa reitoral de Beiro viñan algúns, tanto polas festas do San Roque como polo precepto. Normalmente, despois de cumprir coas súas obrigacións pastorais, dedicábanse a xogar ás cartas. Daquela, eu andaba preocupado coas cousas de Deus e quería discutir con eles, pero non me facían caso. Debían pensar que era medio parvo.

Iso non quita para que, como dixen, teña boa opinión deles, incluso dun que dicían que era contrabandista. Non lle gustaba que o acusasen, tanto que un día fíxoo o señor bispo e o bárbaro presentouse cunha pistola no pazo episcopal, ameazando con “bimbalo”, que era a palabra que empregaba para dicir que o mataba. Un toliño.

Quizais de todos cantos cregos coñecín na infancia, un dos que máis veces me veñen á memoria é don Carlos de Gueral, que se vive, cousa que non me sorprendería, andará polos cen anos. Era unha alma de Deus. Grande, con cara de neno  bo, tiña os ollos dun candor bautismal. Encantáballe a empanada, unha lambonadiña inocente que lle sabían todos cantos o invitaban e que lle procuraban compracer. No xogo de tresillo, outra das súas paixóns, morría por facer trampas. Os santos, ás veces, son moi pillabáns.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xullo de 1995.