La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Despois de moito tempo, onte vin a bubela. Levaba dous anos sen aparecer por aquí, o cal me fixo pensar que debía andar escasa, en contraste coa abundancia dos demais paxaros, cada vez  máis numerosos, grazas a Deus. Estivo cerca dunha hora peteirando na herba, comendo mosquitos e outras pestes semellantes. Pareceume presumida, como consciente da súa fermosura, que non é pouca, coa cresta empinada e o andar lizgairo, moi pespereta. Cando fartou, pousouse nun cable de luz e púxose a cantar.

Estívena contemplando sen precaucións, a pesar de que os paisanos aseguran que se un mira para elas fixamente, engorda. Non me importa. Incluso me parei a observar a súa barriga, que din que é bo para reconciliarse cos inimigos. Uns quilos de máis non fan nada e uns inimigos de menos tampouco se nota demasiado.

Para inimigos, os da propia bubela, pouco querida pola xente. Abonda con pensar na nomeada que lle chaman: galomerdento. Unha calumnia persistente e infundada, como as que se refiren aos humanos. Alguén inventou que untaba o niño de excrementos por dentro e quedoulle para sempre. Xa pode pasear a súa limpeza por onde queira, que ninguén llevai quitar esa lenda de enriba. Para min, que a cousa depende da súa beleza. Se fose un paxaro feo e lambón, anónimo e disimulado, cotroso, ata dirían que tiña graza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xullo de 1994.