La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días que pasei en Estocolmo escoiteilles dicir aos meus amigos grandes palabras de eloxio sobre o pan que nos servían, moi rico e variado. Aclareilles que en Suecia non se come pan nas comidas e que se a nós nolo puñan na mesa, era por simple deferencia, sabedores de que aquí non se concibe xantar sen ese complemento. Isto de comer sen pan, foi algo que a min me chocaba moito ao principio, cando cheguei por primeira vez a aquel país, hai xa máis de vinte e oito anos. O mesmo que o costume, sorprendente para un español, de que a bebida máis frecuente nas comidas, non sexa nin viño nin auga, senón leite. Un leite excelente, por certo.

Eu son un gran comedor de pan, a única debilidade gastronómica que teño. De neno, na casa ríanse de min porque ía ao cine cos petos dos pantalóns cheos das puntas das barras, que os meus irmáns me cedían xenerosamente, sabedores da miña debilidade por semellante lambonada. Nunca entendín que nos cines, en vez desas trapalladas sintéticas que venden, non ofrecesen pan fresco, estralante.

Confeso que, como visitante de comercios, son unha calamidade absoluta. Non me gusta mercar, a non ser libros, trens eléctricos e obxectos inútiles de adorno, preferentemente cousas pequenas. Para case todo o demais, dependo de outros. Hai, non obstante, unha excepción inevitable: o pan. Con frecuencia son eu quen vai á panadería. Gústame o cheiro que alí se respira, gústame a xente que vexo comprando, gústame ver as migas da codia tiradas polo chan e sobre o mostrador. Espero que no ceo, se existe como eu o imaxinaba de neno, que xa non debe existir daquela maneira tan inocente e feliz, haxa panaderías. Se non, para min xa non é ceo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xullo de 1999.