La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No pasado mes de marzo, un periodista sueco que pasaba uns días en Galicia amosoume unha serie de fotografías que fixera na China un ano antes. Sen seren raras, eran curiosas e revelaban dunha maneira moi evidente as contradicións da sociedade chinesa actual. Recordo unha delas, na que se vía un home aínda novo transportando nun carro tirado por bicicleta unha serie de electrodomésticos impecables, entre eles unha lavadora, un frigorífico e un televisor. A foto resultaba moi suxerente. Tamén me chamou a atención un conxunto de rapazas todas cubertas na cabeza con gorras de baseball americanas, cada unha da súa color. A fotografía tiña graza en si, pero pretendía algo máis, pois por diante das mociñas pasaban naquel momento cinco ou seis señoras maiores tocadas con vellos sombreiros de palla.

O fotógrafo confesoume que as fotos estaban trucadas por procedementos dixitais. El defendíase dicindo que non inventara nada: existía o home dos electrodomésticos, só que ía en motocarro en vez de ir en bicicleta, e existían tamén as rapazas das gorras, pero por separado. Agora leo nos periódicos que nun encontro internacional de periodistas gráficos se falou da necesidade de elaborar unhas normas que garantan a veracidade das fotos publicadas. Vai ser moi difícil. Tanto como prohibir a mentira por decreto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xullo de 1997.