La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Diante de min teño a fotografía dun home inquietante: loiro e de pel moi clara, leva uns agresivos lentes escuros que lle ocultan os ollos, un enigma imposible de aclarar. Por esa razón  a boca é o trazo máis característico e significativo do seu rostro. Tena grande e carnosa, enmarcada por un labio superior ancho e un papo poderoso e cadrado. Visto así, un diría que os valores deste individuo pertencen máis á esfera da vontade que ao reino da intelixencia. A masa sólida dun corpo que se debate entre o músculo e a gordura dálle unha aparencia de tipo duro, incluso temible. A cólera débelle subir con facilidade desde os riles ata o pescozo, curto e duro como o dos bois.

Chámase Thom Robb, ten corenta e seis anos e é un dos novos xefes do Ku Klux Klan en América. Á fronte desta sinistra organización, cun pasado negro polos crimes cometidos, quere empregar métodos novos, sobre todo para dar unha imaxe máis amigable e civilizada, non tan bruta como ata agora. Este tipo está fondamente convencido da superioridade racial dos brancos sobre os demais homes, especialmente sobre os negros, e ten consagrada a súa vida en defensa desta idea.

Pola fotografía, Thom Robb non parece precisamente un intelectual. Máis que nas aulas ou nas bibliotecas, unha parte da súa vida, cando era máis novo, debeu transcorrer entre pesas e barras, poldros e paralelas, dentro dun ximnasio. É posible que cando fale da pretendida superioridade dos brancos sobre dos negros non se refira exactamente á intelixencia, un valor para o cal non parece moi sensible este home. Se se referise aos músculos, puidera estar trabucado, pois nese campo é o negro quen gaña case sempre. O terreo onde este perde é na capacidade para a crueldade humana que temos desenvolvido os brancos ao longo da historia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xullo de 1992.