La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

San Petersburgo segue sendo unha das cidades máis fermosas do mundo. Mellorou bastante, en moitos aspectos, desde a última vez que a vin. Está máis limpa, hai moitos monumentos restaurados e nótase máis animación na rúa. En contra, o tráfico medrou como en calquera cidade occidental, os novos condutores son algo tolos e a vida encareceuse radicalmente. Percíbese a golfería, sobre todo entre os taxistas, que estafan canto poden, e a desorganización.

Onte, por exemplo, non había manteiga no hotel para almorzar. Con todo, o máis divertido foi o que lle pasou á escritora alemá Felicitas Hoppe, que pediu un segundo café. A cambio recibiu unas palabras desabridas, en ruso, por parte da camareira, que foi chamar o xefe en plan acuseta. Cando este chegou con cara de furia, botoulle unha bronca nun inglés que case non se entendía por malo, pero do que quedaron clarísimas as últimas palabras, pronunciadas co dedo das ameazas: “¡Unha persoa, un café!” Non souben se era xustiza distributiva ou ineficacia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de xullo de 2000.