La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De Tréveris a Heidelberg, onde me atopo agora, hai tres horas de tren. Da estación, case sen tempo para pasar polo hotel, leváronme ata a Universidade. Alí agardaban xa, sentados nos seus sitios, un nutridísimo grupo de alumnos e profesores, todos alemáns, dispostos a escoitar a conferencia que estaba anunciada. Seguírona con atención e despois sometéronme a un longo interrogatorio. Por último, de acordo coa tradición, en vez de aplaudir, bateron cortesmente co puño na mesa.

Sorpréndeme que asista tanta xente a estes actos e que participen con tanto interese no debate. Desde logo, reunir a máis de cincuenta persoas nunha aula en Heidelberg para oír falar a un escritor dun país lonxano e pequeniño, case ignorado, indica unha curiosidade que xa me gustaría a min que fose recíproca.

Claro que no plano das sorpresas, pouco queda que ver. O luns, por exemplo, na cea que me deu o profesor Dieter Kremer, había ao meu lado un rapaz novo, co que estiven parolando animadamente durante bastante tempo, convencido de que sería de Ourense ou de Lugo, pois falaba un galego impecable. Pero resulta que se chama Franck Meyer e é alemán. Estudou a lingua na Universidade de Tréveris e coñece ben a literatura galega. Ás veces Deus fai milagres raros.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xuño de 1995.