La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai máis de vinte anos que James Goldsmith, o célebre millonario británico metido agora a político contrario á moeda única, mercou un restaurante de luxo en París. Non o fixo para gañar cartos, senón para dispoñer dun lugar agradable onde comer cada vez que viaxa á capital de Francia, o cal ocorre con frecuencia. Normalmente, utiliza un avión privado que dispón de dous dormitorios, cociña e salón. Aínda que poida parecer unha extravagancia, ese avión queda bastante pequeno para as necesidades do seu propietario.

Por exemplo, nel non colle a familia. Para empezar, Goldsmith ten tres mulleres: a lexítima, que se chama Annabel e reside en Londres, unha antiga secretaria coa que estivo casado e da que se divorciou, Ginette, e unha amante oficial, Laure Boulay de la Meurthe. As dúas últimas viven na mesma casa en París, pero en pisos separados.

En total, Goldsmith é pai de oito fillos, que suman idades que van desde os oito anos ata os corenta e dous. Desde hai algún tempo, este home está empeñado nunha batalla contra  Europa.  Por esta e outras razóns chóvenlle os inimigos. Uns din que é un tiburón, hai quen o cualifica de tipo delirante, outros están convencidos do seu talento e da verdade da causa que defende, pero desconfían das súas intencións. Lin tamén que algúns amigos aseguran que se trata dun home tímido e inseguro. Eu penso que debe de ser un pouco golfo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xuño de 1997.