La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, neste mesmo periódico apareceu a noticia de que a un señor de Sevilla o condenou a Audiencia daquela cidade a pagar unha multa de cen mil pesetas e a retirada do permiso de circulación durante seis meses por conducir baixo os efectos do alcohol, con resultado de accidente e dano causado a terceiros. Tratábase dunha apelación, pois nun xuízo anterior a sentenza xa lle fora desfavorable. O condenado tiña aducido que non había proba material que refrendase a acusación, pois a Policía non chegou a facerlle as probas correspondentes, tal como marca a lei.

Efectivamente, no xuízo ninguén negou que as cousas foran así. Non obstante, os axentes de tráfico que acudiron como testemuñas á vista oral declararon que o condutor estaba completamente borracho. Como proba, aportaron unha serie de datos. En primeiro lugar, que aquel se puxo de xeonllos e que chorou, ademais doutras actuacións irregulares que demostraban que o tal individuo tiña unha borracheira “total, gorda e grande”, segundo palabras textuais dos declarantes.

Entre esas outras actuacións irregulares, houbo unha que foi determinante para o resultado da sentenza. Cando a Policía pretendeu facerlle a proba da alcoholemia ao automobilista, este estaba nun estado tal de deterioro mental que confundiu a boquilla que lle puxeron diante e acabou soprando no dedo do axente que sostiña nas mans o aparato medidor. Para os xuíces, ese detalle foi suficiente. Non digo que non teñan razón, pero soprar nun dedo dun garda civil non é unha proba incontrovertible de estar borracho, polo menos se se quere esgotar a lóxica ata o final. Podía tratarse dun miope, por exemplo. Ou dun bromista.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xuño de 1997.