La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a mañá do día das eleccións en Ourense, non así a tarde, porque tiña que votar na aldea onde vivo. Cando saín da casa para mercar os periódicos, atopei unha monxiña sentada ao volante dunha furgoneta azul, na que estaba cargando vellos e vellas cos sobres electorais nas mans, supoño que para transportalos ata os respectivos colexios. Quedei coas ganas de saber se a acción que prensenciaba era un acto de caridade ou unha actuación política. En todo caso, cheguei á conclusión de que a participación ía ser alta.

Na rúa do Paseo, mentres tomaba un refresco cuns amigos nunha terraza ao aire libre, vin pasar varios candidatos repartindo apretóns de mans, apertas e sorrisos. Un xesto cordial ou un simple saúdo cortés poden inclinar o voto das persoas que son máis sensibles á humanidade dos políticos, nunca máis próximos aos electores que nestes días. Supuxen que as cousas estaban realmente moi apretadas.

Pola tarde acudín a votar e por primeira vez na miña vida fun obxecto dunha enquisa ao saír do colexio electoral. Un señorita agradable e discreta, facendo mil remilgos e pedíndome toda clase de desculpas, preguntoume en voz baixiña se lle podía dicir a que partido acababa de votar. Por suposto que llo dixen. Abriu unha libreta, sacou un bolígrafo e puxo unha cruz. Despois despedímonos e eu volvín para a casa a agardar. Non aportei unha furgoneta como a monxiña nin un sorriso como os candidatos, pero aportei a miña cruz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de xuño de 1993.