La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pola noite, despois de perder o tren, cheguei a Lisboa pasada a unha da madrugada e non entrei no hotel ata case as dúas. Tiven ademais a mala sorte de dar cun taxista  enlouquecido, que atravesou a cidade a máis de cento dez por hora, producíndome a sensación de que podiamos esnafrarnos en calquera momento. Logo, cando me atopaba durmindo, espertoume un ruído violento que viña do cuarto veciño, como se alguén andase correndo en bicicleta por riba dos mobles. A cousa aínda durou bastante. Onte pola mañá, cando baixaba a almorzar, vin a unha rapaza que saía dese cuarto. Debía ser a ciclista.

No comedor, púxenme eu só nunha esquina, ao fondo, para ter unha primeira panorámica dos colegas cos que vou convivir durante seis semanas. Hai de todo, pero abunda a xente nova. Notei abundancia de zapatos desastrosos, algúns como se estivesen comidos por un can, e moitas mochilas. Polo demais, a primeira impresión foi moi boa.

Ás dez, empezaron distintas excursións en autobús pola cidade. Como coñezo Lisboa bastante ben, non me apuntei a ningunha e pasei a mañá escribindo no cuarto. A iso das doce, chegou unha rapaza alemá para entregarme a tradución dun conto meu ao alemán e ao ruso. Díxome que se rira moito ao lelo e eu agradecinllo. Pola tarde, de todos os actos que había, escollín un que se celebraba no Instituto Franco-Portugués sobre “Escritura e diferenzas” e alí estiven ata hai un pouco, cando volvín para o hotel co propósito de escribir este artigo. En canto o remate, baixarei ao vestíbulo onde me agardan para ir cear por aí. Para min será só cea, porque non bailo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xuño de 2000.