La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na escola, o meu compañeiro Pepe Casas, alias Petiso, tiña fama de toleirán, pouco estudoso e falangueiro, pero todo o mundo lle quería ben porque era bo e moi simpático. Cando o mestre preguntaba algo, el nunca quedaba calado, aínda que non tivese nin idea do que se estaba a falar. No momento en que se descubría a súa ignorancia, puña un xesto inocente de arrepentido, botábase a rir ás gargalladas e despois continuaba de cháchara cos rapaces de arredor. Non sei como se arranxaba pero levaba a cara sempre manchada de tinta.

Nunha ocasión, o mestre preguntou se había na clase algún neno que nunca contase unha mentira. Antes de que nos dese tempo a pensar a resposta, xa estaba o Petiso erguendo a man. Case de xeito simultáneo, escoitouse a voz escandalizada do profesor censurando o seu descaro, chamándolle mentirán e ordenándolle que saíse da aula. Marchou rindo, como se acabase de facer unha trasnada.

Como eu xa tiña contado algunhas mentiras moi gordas, entre elas dicirlle a un neno que estivera na China, quedei moi confortado ao ver que ningún compañeiro se atrevera a erguer a man e que o único que o fixera, o bo do Petiso, fora publicamente reprendido, coa aceptación implícita pola súa parte da razón que tiña o mestre para expulsalo da clase. Non recordo que a lección espertase en min ningún cinismo, pero vacinoume contra a hipocrisía. Desde entón, os moralistas que se escandalizan dos pecados dos demais prodúcenme pavor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de maio de 1993.