La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non pensaba eu que ese vago da miña vila, do que falaba onte aquí, sería tan facilmente identificado por algúns dos meus conveciños de Xinzo de Limia. Chamáronme dous deles para confirmar as súas sospeitas, que en ambos os casos eran acertadas. Postos así, xa non teño inconveniente en engadir que o citado señor ía sempre vestido cunha chaqueta de pana negra, que se desprazaba en bicicleta, cunhas pinzas recollendo os baixos dos pantalóns sobre as canelas e que fumaba nunha boquilla negra de plástico.

A este home, como xa contei noutra ocasión, sorprendino un día insultándose a si mesmo no café onde xogaba a partida vespertina de xadrez. Chamouse de todo: sapo, mona gaiteira, apalominado, burra de Balaam e non sei cantas cousas máis. Como compendio, non atopou nada peor para dicirse e chamouse falanxista.

Curiosamente, por substituír de maneira ilegal un mestre falanxista que non quería poñer escola, andou metido en leas. Debeu ser por pouco tempo, porque deseguida recuperou o seu posto fixo na tertulia descansada dos asiduos do esporón. Era dos imprescindibles. Ás veces, por simple distracción, perdíase tamén polas obras, en plan de opinante ou inspector. Non era, non obstante, unha persoa aburrida, senón todo o contrario. A min sempre me caeu ben, sobre todo pola dignidade elegante con que levaba a súa vagancia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de maio de 1995.