La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O martes pola noite estiven en Cuenca, dando unha conferencia nun curso sobre novela. Esperábame na estación un vello amigo, militar de profesión, que despois de desempeñar o  cargo de gobernador militar naquela praza, decidiu quedar a vivir alí. Fomos comer os dous sós a un restaurante agradable, na praza maior, onde nos trataron moi ben, demasiado ben para o pouco que lle puidemos corresponder, en parte porque o meu amigo non come carne nin bebe viño. Para non dar a sensación de sermos xente enferma ou aburrida, eu abusei un pouco. Como a conferencia non era ata a noitiña, deume tempo a repoñerme, sobre todo grazas a un paseo.

Percorrín a parte vella da cidade co meu amigo, subindo a costa interminable que conduce ata o alto. Mereceu a pena, porque tivemos a fortuna de atopar no medio da rúa a Antonio Pérez, que pensaba ir á conferencia e aproveitou a circunstancia para levarnos ata a fundación que leva o seu nome: un museo excelente, cunha colección de pintura moderna ampla e magnífica.

Desde hai anos, Antonio, que ten moito de personaxe lendario, ademais de xuntar todos eses cadros que un día cedeu á Deputación, foi reunindo tamén obxectos raros que atopaba tirados nas rúas ou nos vertedoiros ou nos contedores das obras ou en soa res abandonados. O resultado é insólito. Vistos agora no museo, aqueles cachos de ferro, aquelas latas, aqueles trozos de máquinas despedazadas son fermosos en si, como realizados por un artista sensible, intelixente e audaz. Eses obxectos teñen percorrido xa moitos museos, pero non foron obra de ninguén. Só o gusto dun home como Antonio Pérez foi capaz de conseguir ese milagre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de maio de 1998.