La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola mañá, paseando pola Coruña, pareime diante dun escaparate só por pasar o tempo, pois non tiña nada que facer. De pronto, nunha pequena repisa de cristal, vin unhas vacas pequeniñas de barro ou porcelana, cun letreiro debaixo escrito a man que dicía: “Vacas tolas”. A verdade é que o aspecto dos animais, moi sorrintes e con cara tranquila e divertida, non incitaba a dubidar da súa saúde mental, senón máis ben todo o contrario. Sen o rótulo, a un non se lle ocorrería pensar que fosen vacas británicas.

A estas últimas, eu vinas un día na televisión e non parecían nada contentas. Tiñan unha especie de tembleque nervioso, como eses atletas impacientes que se moven para os lados antes de situarse na liña de saída, á espera do pistoletazo. A pinta era, efectivamente, a de animais avariados da cabeza.

Noutro lugar do escaparate había un grupo de figuriñas de identificación difícil, tamén de barro, con aspecto de xente rara. Levaba eu uns segundos intentando averiguar de que cousa se podía tratar, cando me decatei de que estaban perfectamente identificadas cun rótulo que dicía que eran bruxas e que traían boa sorte, algo que nunca sobra, a non ser que un sexa moi confiado. Pensei entrar e comprar unha. Por último, non o fixen porque pensei que, como no caso das vacas, podía ser só cousa de propaganda.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de maio de 1996.