La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven vendo na televisión, durante máis dunha hora, o espectáculo que se montou en Miami arredor do neno cubano Elián. O que máis me chamou a atención foron, en primeiro lugar, os desmaios: xente que perdía o sentido e caía redonda no chan, en medio de convulsións. Logo, os individuos descontrolados de si mesmos, que daban saltos propios de animais selváticos, ameazaban as cámaras e proferían insultos contra o presidente dos Estados Unidos, a fiscal xeral e o partido demócrata, ao tempo que anunciaban unha especie de catástrofe, algo como un terremoto social ou unha erupción volcánica ou o incendio do país enteiro, xente incluída.

Logo estaban os que choraban a berros, falando todos sen permiso da cabeza, dicindo incoherencias, como unha rapaza anticastrista que aseguraba, coas veas do pescozo a punto  de rebentarlle e os ollos saíndolle do seu sitio, que Clinton era peor que Castro. Unha señora turraba dos cabelos coa mesma furia que se estivese suicidándose.

Finalmente, había persoas que rezaban rodeadas de virxes, santos, cristos, papas, rosarios, cruces, eliáns, anxos con espadas e estampiñas de advocacións para min descoñecidas. Unhas facíano de xeonllos sobre a rúa; outras cos brazos en cruz e os ollos voltos cara ao ceo, como en éxtase; non faltaban as que movían as doas dos rosarios tranquilamente, con aspecto de estaren resignadas, conscientes quizais de que Deus escribe con frecuencia dereito con liñas tortas. Por último estaban os que rachaban cousas, queimaban coches e estragaban o que pillaban ao seu paso. Unha explosión de corazóns desenfreados. Vese que a parte racional dos seres humanos é tan fráxil como o cristal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de abril de 2000.