La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Neses días de aí atrás que estiven en París, no coloquio que se celebrou despois da mesa redonda na que participei con outros dous compañeiros, un señor elegante e cortés, que seguira as intervencións atentamente, tomando notas, preguntou se en España era posible escribir con liberdade sobre calquera asunto, incluído o desembarco de Alhucemas. Confeso que non entendín ben a intención da pregunta ata que o interpelante aclarou que o que el quería saber era se sería posible culpar daquel desastre ao rei Afonso XIII.

A verdade é que non quedou moi convencido da miña resposta, que naturalmente pretendía demostrarlle que si. Preferiu as reticencias dun dos outros participantes na mesa, empeñado nuns distingos de orde beatífica que para min resultaban incomprensibles, pero que para o público podían ter o atractivo da sospeita.

Nestas situacións, a razón pouco ten que facer. É o que sucede estes días coas parvadas que sobre nós están dicindo os periódicos populares ingleses, os máis estúpidos de toda Europa, incluído o Bild Zeitung alemán, que xa é dicir. Aínda que supoño que a cousa vai pasar desapercibida, direilles aos que prefiran as noticias pouco estridentes, que no último número dun dos periódicos máis prestixiosos do mundo, The New York Review of Books, dinse marabillas de Santiago e do seu Centro de Arte Contemporánea.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de abril de 1995.