La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo nun periódico unha noticia absurda, pero dunha lóxica aplastante. Resulta que nun lugar dos Estados Unidos, no que a pena de morte se aplica na silla eléctrica, descubriuse hai pouco que o deseñador e fabricante do macabro artefacto era un individuo tramposo que se fixo pasar por enxeñeiro sen selo. A pesar de todo, o aparato empregouse varias veces e con éxito, naturalmente, pois no mundo dos artiluxios mecánicos só fallan aqueles que están destinados a salvar a vida da xente, nunca os que teñen como obxectivo o contrario. En canto se soubo da fraude, as autoridades ordenaron a revisión da silla a un equipo competente.

Os técnicos, despois de estudar o asunto e de facer algunhas probas, chegaron á conclusión de que tal como fora concibida e tendo en conta de que maneira estaba fabricada, sen garantías e con procedementos artesanais, cun persoal pouco cualificado, a citada silla eléctrica non parecía moi adecuada para cumprir coa súa tétrica misión.

Na parte final do informe elaborado pola empresa consultada, hai unha frase que resume perfectamente o disparate que rodea o asunto da aplicación da pena de morte. Na citada frase dise exactamente que, no caso de que non se introduzan as correccións oportunas, a silla podería ser moi perigosa para o reo. Con tal aseveración, as autoridades, que preparan unha execución para o próximo día 6, dispuxeron que se fixesen as citadas correccións, a fin de que o condenado á última pena, un home que leva vinte anos agardando no cárcere a execución da sentenza, non corra os perigos que se denuncian. Parece lóxico. Os aparatos eléctricos defectuosos levan consigo o perigo de morte.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de abril de 2000.