La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non citarei o seu nome para que non se enfade, pero moitos dos meus compañeiros de Universidade, alá nos anos sesenta, recordarán un rapaz aloucado e simpático, medio actor e cantante, medio poeta, de corazón bondadoso, algo guillado. Alternativamente pasaba fases de revolucionario feroz, blasfemo e comecuras, con outras nas que non saía da igrexa, facía novenas e asistía ás procesións. O malo é que, entre ambos períodos, o tempo adoitaba ser moi curto, tan só dunhas poucas semanas.

Nunha das fases de pecador, un día discutiu co profesor Moreno Báez en público e acusouno de non coñecer o Laberinto español de Gerald Brenan. Na réplica, o acusado respondeulle que era un auténtico insensato, pois se el tivese lido o citado libro, vería que o autor lle daba as  grazas no prólogo por facilitarlle información.

Unha resposta tan rotunda e feliz non a volvín escoitar na miña vida, aínda que onte mesmo lin nunha revista inglesa unha frase que di que os rapaces de hoxe aman o luxo, compórtanse dunha maneira execrable, búrlanse da autoridade, non respectan a xente maior e xa non se poñen de pé cando chegan os seus profesores… Un tipo de conduta que levaba ao autor a preguntarse que clase de seres horribles estaremos criando. Quen dixo todo iso foi Sócrates. A citada frase ten, por tanto, máis de dous mil anos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de abril de 1996.