La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un dos profesores pintorescos que alegraron a miña nenez coas súas neurastenias e extravagancias, un día preguntounos aos seus alumnos nun exame por que razón as rodas dos coches e das dilixencias ás veces xiraban ao revés nas películas de cine. Se non recordo mal, todos deixamos a resposta en branco, a non ser os máis audaces, eses que nunca calan, que deron as explicacións disparatadas que a fantasía lles ditou naquel momento. Posteriormente, o profesor tratou de aclararnos o problema.

Non recordo a substancia do asunto, aínda que teño vivas na memoria as palabras que empregou para dicir que esa maneira de comportarse as rodas no cine era similar ao movemento que os inimigos do ferrocarril prevían para o novo invento, pois consideraban que os raís de ferro acabarían provocando ese mesmo efecto.

Cando a realidade demostrou que iso era falso, algúns médicos aseguraron que as persoas que viaxaran en tren sufrirían conmoción cerebral e que os curiosos que se atrevesen a contemplar o paso dos comboios perderían o coñecemento. Naturalmente, a xente acreditou máis nestes agoiros pesimistas que nas voces sensatas que afirmaban o contrario. En xeral, na opinión pública, a desconfianza é cousa de orgullo: a ninguén lle gusta que o tomen por parvo. Se os trens andan a pesar de todo, tampouco pasa nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de marzo de 1995.