La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola tarde, cando saía dun garaxe co coche para marchar para a casa, diante de min produciuse un accidente insignificante: un choque menor, sen máis consecuencias que unhas leves raiaduras sufridas por dous autos que marchaban en fila camiño da taquilla. Ambos os dous vehículos ían conducidos por mulleres maduras, algo gordas e ben vestidas, unha delas bastante alterada. Foi a primeira en baixar. Empezou facendo uns xestos dramáticos de persoa enfurecida, pero sen dicir unha soa palabra.

A outra, máis tranquila, agachouse por detrás do coche que ela mesma embestira, comprobou os danos ocasionados e acabou ditaminando que non pasara nada. Dito isto, a ofendida púxose a bufar e preguntoulle á agresora se era corta de vista. A partir dese instante, as dúas mulleres iniciaron unha escalada progresiva de berros.

Hai que dicir que non se insultaban, pero estaban a uns pasos de chamárense calquera cousa, sobre todo a máis agresiva, que chegou a preguntarse en voz alta como a súa contrincante fora capaz de sacar o carné. Cando parecía que todo acabara e as condutoras xa se meteran nos coches, unha frase dita entre dentes pola que marchaba diante fixo que a máisfurio sa sacase a cabeza pola ventá e dixese a gritos: “¡En que clase de autoescola estudarías, que non sabes o que é a distancia de seguridade!”

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de marzo de 1997.