La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando o parlamento galego tiña apenas oito ou dez días de existencia, un operador de televisión, non sei se máis simpático que gamberro, tivo a ocorrencia de ir recollendo imaxes indecorosas da maior parte dos deputados durante unha longa e pesada sesión. Apostado como un cazador, o citado individuo foi gravando coa súa cámara escenas nas que os parlamentarios aparecían metendo o dedo no nariz, rascando unha orella, abrindo a boca de aburrimento ou mesmo nunha ocasión consultando con gozo unha revista pornográfica.

Como ademais, o deputado a quen sorprenderon nesta última actitude era inmenso e gordo, cun negro bigote de inoportuna aparencia siciliana e un aspecto luxurioso que se agrandaba aínda máis polo entusiasmo con que o porcallán parecía sorber os deleites do pecado, o efecto do programa, bromas á parte, resultaba inicuo, perverso e destrutivo. Naturalmente, era tamén absolutamente falso.

Tan falso como a imaxe do mundo que a diario nos dan os medios de comunicación, obrigados pola súa propia función a recoller aquí e alá os aspectos máis chamativos da vida diaria, que desgraciadamente son os únicos que reunen a condición de noticia, pois é sabido que a normalidade non entra nunca dentro desa categoría. O peor é que un ten a impresión de que este proceso selectivo de desgrazas, monstruosidades, picardías, corrupcións e miserias, que é mentiroso, acaba sendo para moitos máis certo que a propia realidade.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de marzo de 1993.