La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos cincuenta, cando eu era neno, un día atopei no faiado da casa dos meus pais unha caixa chea de moedas de cobre, todas elas fóra de circulación. Durante algún tempo, aquel tesouro de pouco valor compartímolo entre a miña nai e os rapaces da familia: ela para metelo na pota os días que había polbo, buscando así darlle a este o sabor que tiña nas feiras e que dicían era debido ás caldeiras de cobre profesionais que se empregaban naquelas ocasións; nós para xogarmos ás casiñas e aos comercios.

Un amigo díxome un día que a cambio daquelas moedas retiradas podíase conseguir diñeiro de verdade. Para demostrarmo, el mesmo foi facer unha daquelas transaccións ao almacén dun ferralleiro da vila que mercaba de todo, incluídos trapos e papeis vellos. Desde entón, fíxenme provedor asiduo do citado señor.

Nunca estiven seguro de que aquel negocio fose decente. Parecíame incomprensible que por unhas moedas sen valor me desen diñeiro para ir ao cine ou para mercar tebeos. Foi a primeira vez que me decatei de que nunca entendería o mundo da economía. Acabo de comprobalo unha vez máis estes días: non se comprende como xente tan inmensamente rica como eses banqueiros que acaban de saír do cárcere teñan que pagar miles de millóns pola súa liberdade. Para ser libre non se necesita tanto diñeiro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de febreiro de 1995.