La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu non sabía que os papagaios se suicidaban, e menos que o fixesen cando se senten sós, pois son animais que aman a compañía da xente. Tampouco sabía que utilizan un procedemento salvaxe para acabar coa propia vida: dan un corte co pico na gorxa, limpo e fondo como se empregasen unha navalla de afeitar. Contóunolo o venres pola noite a un grupo de amigos o célebre artista italiano de orixe grega Jannis Kounellis. Foi tan gráfico e expresivo que non nos quedou ningunha dúbida da verdade que dicía.

Como se sabe, Kounellis estivo de actualidade en todo o mundo hai uns poucos días por un detalle que situou a España no primeiro plano do ridículo internacional cando, por razóns humanitarias, lle obrigaron a retirar un papagaio da exposición que celebra en Madrid. Non lle sucedera tal cousa en ningunha parte do mundo.

Resulta curioso que os mesmos que mandaron a Garda Civil a cumprir con tan delicada tarefa non fagan o mesmo coas corridas de touros, con esas cabras que se tiran desde o alto dos campanarios ou con eses polos aos que lles arrincan o pescozo nun xogo tan bárbaro que non sería tolerado en ningún outro lugar de Europa. Desde o día de autos, o papagaio está só e triste no despacho do director do museo. Ninguén se volveu preocupar del, a non ser o propio Kounellis, que teme que o animaliño se poida suicidar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de febreiro de 1997.