La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De neno coñecín varios individuos que quixeron voar utilizando alas de palla. Un deles desfixo os fociños cando se botou desde a cima dunha árbore e tivo que pasar pola vergonza de ser trasladado ata a casa atravesado no lombo dun burro. Salvouse, a pesar de todo. Non tivo tanta sorte un francés que inventou un artiluxio mecánico, algo así como as ás dun morcego en versión futurista, e que se lanzou desde o primeiro piso da Torre Eiffel. Na película que se garda do suceso vese como o toliño se enterra medio metro no chan.

Hai uns días estivo na casa o mago Antón, que prepara novo espectáculo. Nel vai voar dentro da carpa, sobre o público, en todas as direccións, subindo e baixando, tirándose en picado, proseguindo despois en voo rasante, cos zapatos rozando as cabezas dos espectadores, para remontarse de novo ata o curuto do circo.

A min, isto de voar sempre me intrigou. Non me refiro a facelo con ás, sexan estas de palla ou de plástico, que é xa unha realidade mecánica que nuns casos custa uns miles de pesetas, máis a gasolina, e algo menos cando se utiliza o vento como propulsor. Falo de voar sen nada, a corpo xentil. Unha das razóns que lle quita interese a Supermán é a capa, un detalle innecesario que arruinou o que puido ser un magnífico achado, transcendente e poético. Voar significa superar a limitación humana e converterse en anxo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xaneiro de 1994.