La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, nunha viaxe en avión a Copenhague, descubrín que dúas filas máis adiante do meu asento, do outro lado do corredor, ía un ilustre sabio moi coñecido. Pasou unha parte do tempo durmindo e cando espertou, sen disimulos de ningún tipo, púxose a ler con atención unha famosa revista dedicada ao cotilleo. Sempre que teño contado esta historia entre amigos, en xeral, resístense a crelo, pero por último, unha vez aceptada a súa veracidade, normalmente expresan a gran decepción que lles causa o personaxe.

Algo semellante me manifestou onte unha amiga que leu nunha revista unha reportaxe sobre Mozart na que se publicaban uns escritos deste nos que se dirixía graciosamente a un  compañeiro, músico de profesión, pero tamén vendedor de queixos, con palabras como cretino, porco, burro, boi, estúpido e outras peores.

En realidade, ambos os dous exemplos só demostran que se pode ser moi sabio e ao mesmo tempo gozar coa lectura de revistas frívolas e que o talento xenial dun músico non resulta incompatible coa zafiedade nin a vulgaridade lingüísticas. Polo demais, debe haber tamén moitos exemplos de científicos aos que lles gusta ler boa literatura e compositores que se expresan con corrección exquisita. O talento é compatible con todo, mesmo coa miseria moral. Esta última, en cambio, privada daquel, resulta tristísima.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xaneiro de 1996.