La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os periódicos publican estes días a noticia da comparecencia diante dos tribunais do seu país da viúva de Enver Hoxha, o tirano que gobernou Albania de forma salvaxe durante preto de medio século. A señora, a pesar dos anos, aínda resulta bonita, segundo se pode apreciar nas fotos, pero non inspira simpatía, non obstante. Hai no seu rostro un xesto excesivamente firme e tráxico, máis propio da fanática que sen dúbida foi que da cínica que lle conviría ser nestes momentos: rebaixaría polo menos a solemnidade histórica dos seus xuíces.

Naturalmente, cando un se achega aos setenta anos, como lle sucede a esta señora, a biografía propia está tan feita que o único que se pode é cambiar o peiteado. Cando era moza, esta muller pensou que o futuro do mundo estaba xa perfectamente escrito e decidido e que non había máis que empuxar a historia na dirección marcada. Admitamos que o fixo por fe, non por ningunha razón miserable.

Como eximente, o tribunal que a xulga por crimes que espantan debería aceptar os nomes que ela e o seu home lles puxeron aos seus fillos. Imaxinemos esta parella feliz, nese espazo privado da intimidade onde a historia non pinta nada, pensando como bautizar os froitos do seu amor. Ao principio elixiron ben, de acordo cos seus ideais: Pranvera, que quere dicir Primavera, e Ilir, que significa Liberdade. So ao final, cando xa estaba claro que os propios soños eran o pesadelo dos demais, bautizaron outro fillo como Sokol, é dicir, Falcón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xaneiro de 1993.