La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que trataron a don Ramón Otero Pedrayo na intimidade saben moi ben que detrás da aparencia señorial daquel home impoñente escondíase tamén a graza viva dun pillabán simpático e malicioso. Na caracterización da xente, sobre todo, sen saír nunca dos límites que lle marcaba a súa natural elegancia, bordaba de ironía e de humor uns retratos magníficos, cheos de agudeza e de sabedoría. Os mellores eran os que se referían a individuos farsantes, sempre que non fosen indignos ou canallas.

Escoiteille por primeira vez un deses preciosos retratos alá polos anos cincuenta, na casa dun tío meu, cando eu era adolescente. Trataba dun poeta viúvo e desconsolado, que diante de Otero choraba pola muller, pero a quen don Ramón vía uns minutos despois desde a solaina do pazo revolcándose coas mozas nos prados.

Sorprendeume a indulxencia coa que falaba do personaxe, entendendo aquela conduta teatral como unha simple debilidade humana. Naturalmente, esa clase de xuízo comprensivo non sempre é posible, sobre todo cando a xente actúa con disimulo e outras perversións morais semellantes. Para ser benévolo é necesario, por exemplo, que se dea no golfo unha certa dose de descaro, é dicir, que a trampa sexa tan evidente que non sexa posible o equívoco. É o que me pasa a min co senador Gingrich. Por iso me cae simpático.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xaneiro de 1995.