La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde hai anos, cada semana éntrame pola porta unha das revistas máis interesantes do mundo, o New Yorker. Esa pequena rutina é un dos motivos que alegran a vida, o mesmo que a lectura dos periódicos a diario, o pan á hora do xantar ou os minutos que, de cando en vez, dedico a pasmar diante dos trens eléctricos que circulan na nova maqueta de nove metros que estou construíndo desde o verán. Sen estas pequeneces, a vida sería máis difícil, non por aburrida, senón por demasiado seria. Eu creo que o pecado orixinal, á parte do que definen os teólogos, foi chegar á conclusión de que os xoguetes son só para nenos.

Pois onte pola tarde, despois de cumprir coas obrigas do día, boteime nunha butaca para ler o New Yorker, o primeiro do 2000. Coma sempre, traía un par de boas reportaxes, unha delas dun escritor ruso sobre as calamidades que pasou no seu país cando o seu pai caeu en desgraza, é dicir, o que sabemos: mentiras, traizóns, miseria.

A novidade é unha sección, composta a base de titulares, que aparece na última páxina. O primeiro que lin dicía así: “Enquisa: a maioría dos americanos desexarían ter máis diñeiro”. O segundo, como segue: “O cranio que atoparon en Texas din que é de Adán”. Confeso que non empecei a desconfiar ata que lin o terceiro: “Al Gore, buscando distanciarse máis de Clinton, agora di que nunca foi o seu vicepresidente”. Foi despois de ver este último cando me decatei de que se trataba dunha sección de humor. Non creo que fose falta de perspicacia, aínda que tampouco a quero descartar. Despois de todo, querer máis cartos ou descubrir o cranio de Adán en Texas son cousas razoables.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xaneiro de 2000.