La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era neno, con frecuencia corría por Xinzo a noticia de que caera un avión na Lagoa de Antela. Os rapaces colliamos as bicicletas para comprobar, unha vez máis, que os prodi xios raramente ocorren na realidade. Un día, non obstante, foi certo. Non era exactamente un avión, senón unha avioneta, e non caera, senón que aterrara, pero alí estaba, no medio dunha multitude inmensa, que acudira en masa a contemplar o que entón parecía un feito insólito. Daquela, a xente aínda se asombraba cos avións.

Recordo que por aqueles anos, e aínda bastante despois, cando eu era xa estudante en Compostela, moitas peregrinacións que ían a Santiago desde as vilas e as aldeas de Galicia para gañar o xubileo, ás veces remataban en Lavacolla, no aeroporto. Aínda non viñera a televisión a descubrir todos os segredos.

Digo isto porque onte observei que ninguén se paraba a mirar un helicóptero que andaba voando por Vigo, bastante raso e metendo moito ruído. O curioso é que resultaba gracioso, pois víanse perfectamente os señores que ían dentro. Naturalmente, non era un gran espectáculo, como podería ser o inferno visto desde unha bancada, pero non estaba mal. Non obstante, a xente non lle prestaba ningunha atención. Calquera día vai aparecer Deus sentado nunha nube, tocando unha trompeta, e ninguén se vai decatar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xaneiro de 1997.