La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando falei aquí dunha compañeira de escola que eu pensei que arrecendía a anxo e un amigo me dixo que arrecendía a queixo, alguén me recordou que este último olor ten mala fama, como se desprende da frase que se emprega para destacar o mal cheiro dos pés. É certo, pero non parece que estea ben fundada tal comparación, pois o queixo é manxar xeralmente apreciado, ao contrario do que sucede co bacallau, que tamén se emparella, creo que acertadamente, con determinados efluvios corporais.

Este último ten ademais unha clarísima connotación sexista, como se di agora, pois predícase case de maneira exclusiva das mulleres. Para referirse aos homes, en cambio, o equivalente está rodeado dun prestixio inequívoco, poderoso e viril, que o emparenta coa estirpe nobre dos felinos. De cheirar mal, un home cheira a tigre.

Conta Montaigne que Plutarco andou buscando a causa de que a suor de Alexandre Magno fose suave. A min hai anos que me intriga saber que quixo dicir Karl Popper cando veu dar unha conferencia a Madrid e pediu que abrisen as ventás do salón onde ía falar, porque cheiraba a intelectual. Un amigo meu, intelixente, bo lector, discreto e anónimo, asegura que na frase do filósofo austríaco non hai misterio de ningún tipo: os intelectuais aos cales se referían cheiran sempre a berberecho. Outro enigma por resolver.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xaneiro de 1994.