La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Sucedeu en Moscova hai dez anos. Nun coche oficial, camiño da universidade, iamos o escritor catalán Joan Perucho e mais eu, acompañados por unha intérprete e un funcionario do partido. Este último, que se chamaba Grischa, non tiña moito máis de vinte anos, falaba español con acento cubano e era un dogmático bastante ridículo. Convertido na nosa sombra, debía ter algunha misión pouco gloriosa, probablemente miserable, pero que estou seguro que el desempeñaba con conciencia heroica, revolucionaria.

Creo que xa o teño contado. Nun momento, aquel rapaciño; que ata entón nos tiña divertido coas súas simplezas, claramente escolásticas, sobre a condición burguesa do surrealismo ou o carácter reaccionario do formalismo, díxonos unha cousa que nos paralizou durante segundos, incapaces de dar creto ao que estabamos oíndo.

Con inocencia, sen cinismo nin malicia, coa naturalidade candorosa de quen constata un feito evidente, preguntounos como España, un país que tiña un glorioso pasado histórico, podía tolerar a existencia de Portugal, aquel cacho irredento que impedía a unidade política da Península Ibérica. Ademais da risa que nos deu, non recordo que resposta lle demos ao disparate. Agora, coa recente convulsión electoral producida naquel país, pregúntome que sería da alma daquel mozo, é dicir, a quen iría parar o seu voto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de decembro de 1993.