La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha amiga díxome onte que o meu avó, polo que contei aquí estes días respecto da súa relación cos curas, debía ser un bo becho. En absoluto, é dicir, nada que se poida parecer a iso nin remotamente, senón todo o contrario. Era un home bondadoso, aínda que de carácter firme, e dotado dun sentido do humor tirando un pouco a corrosivo, que ás veces lle daba por dirixilo cara aos curas, entre os cales, por outro lado, tiña bos amigos, como don Juan Portabales, a quen quería e admiraba por ser este último moi boa persoa e algo botado para adiante. Xa contei aquí nalgunha outra ocasión que o meu avó foi feliz, ou polo menos iso foi o que me comentou a min pouco despois de cumprir os noventa anos.

De pequeno, eu tiven un drama por culpa del. Un veciño de Xinzo de Limia, o Camilo Peláez, que era unha miga atravesado, comentoume un día, non sei con que mala intención, que o meu avó estivera implicado nunha morte e que pasara polo xulgado. Cheguei chorando á casa desconsoladamente, ata que o meu pai, coa paciencia e a tranquilidade que o caracterizaban e que nunca perdeu, nin sequera nos momentos máis difíciles e complicados da súa vida, me explicou con detalle o que pasara co meu querido avó.

Logo metín eu o episodio nunha das miñas novelas. Efectivamente, un amigo del, en presenza súa, matou dun tiro a un tal Ganade, que era un líder dos agrarios, na época das loitas entre estes e os caciques. O xuízo, que se celebrou en Xinzo de Limia, creou unhas enormes expectativas, e o meu avó asistiu como testemuña. Finalmente, o acusado, a quen tamén coñecín e tratei, foi absolto porque se estimou que se limitara a responder aos disparos que foran dirixidos contra el, o cal parece que foi así, tal como tiven ocasión de comprobar máis tarde. Confeso que sempre me pareceu unha historia dunha trivialidade insufrible. Co paso do tempo, a violencia é banal. Pero quedan os mortos, que son absolutamente irremediables.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de novembro de 2000.