La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aínda recordo a impresión divertida pero calamitosa que hai anos me produciu ver o home dunha amiga miña facendo unha batalla naval na bañeira da casa con lanchiñas e soldados de plástico: aínda que non o era, tiña todo o aspecto de ser un débil mental. Un comportamento como este, aparentemente tan pouco normal, ten que ver co feito comprobado de que a necesidade de xogar non se corresponde unicamente coa infancia, por máis que haxa normas culturais non escritas que reprimen no adulto uns desexos profundos de seguir xogando ao longo de toda a vida. Neste campo concreto, a fronteira entre o permitido e o prohibido depende do xoguete.

Hai un vello refrán inglés que di que a diferenza (the difference) entre os homes e os rapaces (between the men and the boys) é o prezo dos xoguetes (is the price of the toys). Efectivamente, as persoas maiores compran xoguetes que son sempre moitísimo máis caros que os que lles mercan aos nenos. Moitas veces, en aparencia trátase de obxectos necesarios, incluso imprescindibles para o traballo, como poden ser os coches, aínda que estes últimos case nunca se adquiren por estritas consideracións de tipo práctico.

Con motivo dunha exposición que se celebra na Coruña, chegou a Galicia o problema da realidade virtual, ese inmenso xoguete que nos prepara a informática para os próximos anos e que nos vai permitir inventar o mundo no que queremos vivir. Como se sabe, o asunto consiste en simular un espazo en tres dimensións e poder introducirse nel para facer o que se queira, desde saltar pértega no colo dun atleta ata pasar unha velada cunha muller ou un home marabillosos. Naturalmente que pode suceder o que xa ocorre no mundo dos xogos infantís: pasadas as primeiras horas cun artiluxio electrónico, os nenos prefiren facer un tren con caixas de mistos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xullo de 1992.