La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe, que é sábado, vouno dedicar a navegar. Onte pola tarde estiven preparando as cousas e limpei a cuberta do barco, que se atopaba bastante sucia despois de moitos días sen pasar por alí. Logo fixen un café, senteime na popa e púxenme a mirar arredor. Cerca de min, nunha embarcación fondeada a media ducia de metros, unha parella discutía non sei por que. Só me chegaban de cando en vez os insultos que se dicían. Ela chamáballe estúpido e cretino. El, despois de chamarlle burra, díxolle que era unha cabra.

Eu funme quedando durmido pouquiño a pouco, sabendo que a modorra do sol me invadía o corpo como un exército de cóxegas agradables. Espertei media hora despois con sensación de paz, sen ganas de moverme. Ao final, optei por tirame ao mar e darme un chapuzón. A auga, que estaba fría, devolveume ao mundo.

Era un mundo de ruídos lonxanos, de xente xogando na praia, de algún helicóptero espiando desde o ceo. Tiven a tentación de saír ao mar e ir durmir ás Cíes, pero pasoume pronto.  Ademais tiña o compromiso de visitar en terra uns amigos, só para falar un par de horas, e encontrarme despois con outra persoa en Panxón. De maneira que foi máis forte a paixón da conversa que a chamada do mar. Esperemos que hoxe acabe sendo ao revés. Se non fose así, tampouco pasa nada. Hai moitas maneiras de pasar o tempo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xullo de1996 .