La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Minsk, a capital de Bielorrusia, onde estaremos ata hoxe, martes, que partimos para Varsovia, é a clásica cidade da antiga Unión Soviética, planificada de novo sobre as ruínas que quedaron despois da II Guerra Mundial. Dos países que formaron parte da URSS, semella un híbrido que combina a liberalización económica cun forte autoritarismo. O aspecto externo e o nivel de vida parecen superiores aos de Kaliningrado, aínda que os salarios son igualmente baixos: o equivalente a 3.000 pesetas* para un profesor de universidade.

A comida, mesmo para nós, que nos movemos nun circuíto privilexiado, acomodados no mellor hotel do país e atendidos con toda clase de consideracións, é de calidade baixa. Iso fai que una boa parte dos viaxeiros do tren vaiamos aos restaurantes para turistas. O domingo, un grupo de dez fomos cear a un sitio onde tardaron dúas horas e media en servirnos. Aquí todo vai lento. Finalmente pagamos cento oitenta millóns de rublos. Eu deixei un millón de propina. Hai que aproveitar a ocasión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xullo de 2000.

 

* Equivale a 18 euros aproximadamente.