La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era neno e vivía en Xinzo de Limia, unha vez ao ano víase aparecer pola recta da Lagoa de Antela unha procesión fantasmal de carromatos escanastrados, con cans famentos atados por cordas miserables e conducidos por individuos de face escura, pómulos avultados e pelo negro e sucio. Eran os húngaros. Nunca souben se era aquela a súa nacionalidade real ou se polo contrario os denominaban daquela maneira por calquera razón descoñecida. Se digo a verdade, os tales húngaros a min parecíanme xitanos. Dedicábanse a espectáculos de tipo circense, con saltos, reviravoltas e contorsións. Tamén traballaban con algúns animais, especialmente osos.

Escuso dicir que a primeira vez que vin un húngaro de Hungría quedei sorprendido do pouco que se parecía aos húngaros titiriteiros da miña infancia. Era un estraño funcionario do aparato cultural comunista, entusiasmado cos vicios e as perversións que se vían en Barcelona, coñecedor de miles de chistes sobre campesiños do seu país que se parecían como irmáns xemelgos aos mesmos chistes que daquela se contaban aquí. En cuestión de viños non tiña meta e polo que respecta a comer parecía un saco sen fondo.

Ignoro se isto de beber e comer é característica da raza, porque agora que empezan a transcender algunhas interioridades do que sucedeu na fase preparatoria da ARE, parece ser que algúns fontaneiros encargados de asegurar o éxito da operación descubriron que había un grupo de húngaros susceptibles de aceptar unha recomendación para que votasen polo candidato galego. Trouxéronos a Santiago uns días antes do suceso e distribuíronos polos mellores hoteis e restaurantes de Compostela, onde se aplicaron con dilixencia ao consumo de viandas de boa especie. A cousa non estaba mal pensada, pero o peor é que ao final tamén votaron por Pujol.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xullo de 1992.