La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha localidade armenia próxima ao monte Ararat, na parte turca do país, un operario da construción perdeu unha orella nun accidente estúpido. A un compañeiro que estaba colocando unha claraboia escapóuselle un cristal, con tan mala fortuna que actuou de guillotina sobre o apéndice auditivo do desgraciado. Este, tapando a ferida cunha man, pegou un salto desde o lugar onde se atopaba, nun segundo piso, e foi parar directamente árúa. Quedou completamente descalabrado: rotas as pernas, un brazo e algo máis.

Dous días despois, operado das feridas e os traumas ocasionados pola caída, o home empezou a preguntar pola orella. Dicía cousas tan raras que os médicos pensaron que todo se debía a unha descoordinación provocada por algún golpe recibido na cabeza. Non obstante, o señor non deliraba, dicía a verdade.

O despiste dos que escoitaban viña de que o accidentado aseguraba que non caera, senón que se tirara. Era certo, saltara detrás da orella ao ver que esta saía polo aire cara ao lugar onde uns minutos antes el lle estivera botando restos de comida a un grupo de cans. Ese era tamén o motivo de que cando o colleron os compañeiros para levalo ao hospital, se abrazase a un dos animais, que non quería soltar. Atribuírono a un ataque de histeria. Nesas situacións, a lóxica dáse tanto por perdida que parece unha forma de loucura.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xullo de 1997.