La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No último artigo que mandei desde Estocolmo o outro día, adiantaba algo sobre unha cea que iamos celebrar na Casa do Concello daquela cidade, un edificio ben coñecido porque se acabou convertendo nun dos símbolos da capital sueca, ademais de que no famoso Salón Azul ten lugar todos os anos, no mes de decembro, a cea de homenaxe aos galardoados co Premio Nobel nas súas distintas modalidades. Trátase, como se pode supoñer, dunha celebración de moito postín, á cal asisten uns mil trescentos invitados, servidos por máis de douscentos camareiros, cinco empregados dedicados exclusivamente a abrir as botellas e outras cousas parecidas.

A nosa cea foi bastante máis modesta, polo menos no que respecta ao número dos asistentes ou polas cuestións de protocolo, que na casa real sueca adoita ser bastante ríxido, pero polo demais pareceuse moito á orixinal. Para empezar, o menú foi o mesmo que se ofreceu en tan sinalada ocasión no ano 1998, é dicir, na última edición, que como todo o mundo recordará, en Literatura foi para Saramago.

Empezamos cun prato a base de mariscos en forma de pastel sobre folla de alcachofa, seguimos con peitugas de polo moi elaboradas, con moita salsa, e rematamos con xeado. Como se ve, nada do outro mundo. Polo que respecta á vaixela, a mesma na que se serve a cea dos Premios, non estaba mal, aínda que as copas de cristal, fabricadas pola mítica fábrica de Orrefors, a min non me gustaron: atopeinas algo chamarileiras de máis, con exceso de dourados. Tampouco me pareceu moi afortunado que as fontes cos xeados entrasen na sala botando lume de bengalas. Aínda así, a cea estivo ben, sobre todo polos amigos. Esa é a clave destas cousas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xullo de 1999.