La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tal como contei aquí mesmo hai uns poucos días, o xoves pasado pola tarde, mentres paseaba pola estrada de Gondomar, cruceime cunha veciña que ten fama de bruxa e a quen os paisanos non lle falan porque lle atribúen unha capacidade temible para causar males coa mirada. Dicía eu que aquela muller, unha velliña de máis de oitenta anos de idade, me mirou brevemente cuns ollos preciosos e que neles advertín a delicadeza de quen mira de esguello por delicadeza, non pola raposería de calquera ruindade.

Dúas horas despois souben que me acababan de roubar e que os meus proxectos de baixar a explorar praias e calas descoñecidas desde unha lancha pneumática durante este verán, alá se foran nas gadoupas avisadas dun descoñecido ladrón. Non é raro que a mala sorte lle toque tamén a un de cando en vez. Paciencia.

O que pasa é que onte mesmo deixei o coche aparcadodiante do goberno civil de Pontevedra, que me pareceu un lugar seguro, e quedei sen radio. Por uns instantes, irritado pola contumacia dun destino tan arbitrario, pensei que era demasiada casualidade estatística a que me estaba caendo por riba e acordeime da mirada da vella. Confeso que foi unha debilidade que me rondou a cabeza durante uns segundos. Despois decidín que se me volvo atopar con ela, saudareina de novo. Aínda que me caia a casa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xullo de 1994.