La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nun periódico inglés leo unha recensión sobre libros dedicados a inventores de linguaxes, esa forma da loucura que os expertos chaman glotolalia e que periodicamente ataca a individuos lunáticos e pacíficos. En Galicia tivemos algúns que non aparecen reseñados no libro que Marina Yaguello lle acaba de dedicar a este tema, aínda que merecían tal honor, pois algúns deles, como don Juan de la Cova Gómez, teñen dereito ao título de xeniais. Por outra parte, entre os exemplos que ofrece esta autora, hai algúns, como o nazariano, que nos recordan o famoso trampitán do célebre poeta de Ourense: “Pa latalo lito namito bo té zozoti zolota”. Lamentablemente non sei o que significa, pero soa ben.

No libro de Marina Yaguello cítase a Nikolai Marr, aquel ruso pintoresco, pai da “xaphetidoloxía” que logrou embelecar  a Stalin cos seus disparates lingüísticos e converter en doutrina oficial soviética o que non eran máis que elucubracións dun iluminado. O marrismo ou corpo doutrinal ideado por Marr, sostiña que todas as palabras de todas as linguas do mundo proviñan, a través do albanés e o bereber, destas catro raíces: sal, ber, yon e rosh. O curioso é que tal simpleza chegase a ser tomada en serio.

Non sei de ninguén que fose fusilado por opoñerse ás desatinadas especulacións lingüísticas de Nikolai Marr, pero pola mesma época, Stalin mandou ao paredón a un número considerable de biólogos que se enfrontaron aos dogmas de Trofim Denisovich Lisenko, aquel señor que se empeñou en resucitar o lamarquismo e liquidar as teorías mendelianas da herdanza. Ambos os dous fenómenos, Marr e Lisenko, constitúen unha proba dramática de que a falta de liberdade é como a falta de aire: sen eles non é posible a vida. O terrible é que para aprender algo tan claro e sinxelo fixese falta derramar o sangue de tantos seres humanos, ese prodixio biolóxico irrepetible.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xullo de 1992.