La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día, hai xa moitos anos, un rapaz chinés chamado Wei Jingsheng decidiu facerse da Garda Revolucionaria. Enviado cunha misión ao noroeste do país, na estación do ferrocarril dunha aldea, desde o tren, viu unha rapaciña de dezasete anos completamente espida, cuberta só pola súa propia melena. Estaba disposta a deitarse con calquera, non a cambio de diñeiro, senón por comida. En estacións sucesivas, o mozo revolucionario viu outras rapazas semellantes. Desde entón non deixou de protestar.

Polas súas protestas, Wei leva dezasete anos preso. O propio Deng Xiaoping, morto recentemente, dixo unha vez que o meteran no cárcere porque tiña danado a reputación de China, pero que, a pesar de todo, esta medraba día a día. Non se entende ben entón por que non o soltan e por que lle dan tantas palizas.

No cárcere, Wei Jingsheng pasa frío, ten unhas dores de cabeza insoportables e ás veces pensa no suicidio. Mentres tanto, fóra son moitos os que están convencidos de que lle acabarán dando o Premio Nobel da Paz. Non obstante, máis importante que o premio é a solidariedade. Por se alguén se anima a aliviar a soidade deste home valente, dou aquí o seu enderezo: Wei Jingsheng, Jidond Nº 2 Prison, Nanpu kaifaqiu, Tangshan, Hebei province, 063305, República Popular de China. Seguro que Wei o agradecerá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xullo de 1997.