La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Muros para participar no encontro de escritores que tivo lugar estes días. Cheguei o venres pola noite, un pouco tarde, no momento en que os congresistas saían do convento dos franciscanos, sede da reunión, camiño da praia, onde o concello convidaba a unha sardiñada ao aire libre. Despois da cea, un grupo de amigos quedamos de tertulia, nun café, ata algo tarde. Cando regresei ao convento, atopeime con que non sabía cal era o meu cuarto e púxenme a dar voltas, ata que apareceu un frade que me rifou cariñosamente, pois metérame na zona reservada.

Logo, falándome polo meu nome, axudoume a atopar sitio e portouse moi ben comigo. Pola mañá incorporeime aos debates, dos que só direi que estiveron moi ben. Como a intelixencia é unha das cualidades humanas mellor repartidas, estas xuntanzas nunca decepcionan. Confeso que o espectáculo da xente discorrendo con rigor resulta sempre entretido, polo menos iso é o que me sucede a min. Así que foi como se estivese lendo un bo libro, só que escoitándolle o corazón.

Supoño que isto da abundancia da intelixencia ha sorprender a máis dun, porque se a xente fose tan intelixente, en xeral, como digo, non se entende ben que se fagan tantas barbaridades. O que ocorre é que as persoas adoitamos fallar, non pola escaseza da cabeza, senón polos excesos da alma, é dicir, pola furia, a paixón, o odio, a soberbia ou a intolerancia. Se non fose por iso, a terra sería infinitamente máis habitable. Tamén é certo que, nese caso, os escritores non teriamos moito de que falar. Claro que sempre quedaría a imaxinación para supoñer como sería un mundo habitado por xente como somos agora. Seguro que nos daría medo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xuño de 1998.