La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os nosos anfitrións de aquí, en Ensenada, organizaron todo tan ben que a exposición “Galicia en América” converteuse nun acto multitudinario. Tanto galegos como mexicanos sorpréndense ao aprender que o primeiro país do mundo que soubo que se descubrira América foi Galicia, cando a nao de Martín Alonso Pinzón chegou a Baiona. E polo que respecta a California, quedan pampos ao ver nun mapa a cantidade de cidades e misións que foron fundadas por galegos ou que levan os nomes da Ponte Vedra Beach ou Río Miño e outros polo estilo. A cousa chega á incredulidade cando comproban a orixe galega de Fidel Castro ou Raúl Alfonsín, por exemplo.

Onte vin emocionado un velliño de Vigo que non deixaba de facer fotos, falei cunha moza de Avión que me dixo se lle iamos mandar libros; atopei un señor que leva cincuenta anos sen ir á súa aldea, en Ourense, e preguntoume se aínda vivía o señor Gumersindo das Tapadas, que lle fixera moito ben. Estiven a punto de contarlle unha mentira. Á parte de todo isto, aquí hai que ter moito coidado con expresar un desexo, pois a xenerosidade dos nosos anfitrións o converte automaticamente en realidade.

Eu tiven que morder os labios para non falar con entusiasmo da illa Catalina, case a un tiro de pedra, que lle serviu a Stevenson de modelo para a súa novela, e sobre todo coideime moito de non falar dunha aldeíña que se chama Kilómetro 57, onde se dá unha circunstancia que a min me parece completamente máxica: a vía do tren marca o cambio de hora, de maneira que cando dun lado son as doce, do outro é a unha. Creo que os veciños non se levan ben. Non me estraña absolutamente nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xuño de 1997.