La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu estudaba en Santiago, alá polos anos sesenta, tiña un amigo solitario ao cal lle gustaba pasear de noite polas rúas, xa de madrugada, para escoitar ronquidos. Coñecía varios lugares estratéxicos, dos que falaba ás veces, pero só me acordo dun deles situado na Caldeirería, que el consideraba o mellor de todos, razón pola cal facía alí un alto obrigado. Ninguén roncaba en todo Santiago con máis potencia, con máis variedade nin con mellor ritmo que un home delgado que vivía naquela rúa.

Ao citado señor, pai dun bo amigo meu, hoxe ben coñecido no país, trateino eu por aqueles anos. Era un home elegante e miúdo, do que non resultaba fácil supoñer que fose capaz de emitir tales estrondos. Souben polo seu propio fillo, non obstante, que tiña esa condición e que o citado observador nocturno non era o único.

Segundo me contou, unha panda de noctámbulos amigos do seu pai remataban moitas veces as súas xoldas de madrugada ao pé da ventá, fascinados polo trono que baixaba desde o piso. Chegaron a pedirlle ao roncador que visitase un médico, pero aquel nunca admitiu que fose certo o que dicían, ata que un día se espertou a si mesmo envolto no propio ruído. Irónico e intelixente, dixo que tiña unha bolboreta no peito. Sorprendido hai pouco no mesmo transo, Ieltsin dixo que era un problema bronquial. Excesivamente prosaico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xuño de 1994.