La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Durante o congreso sobre Blanco Amor que se celebrou estes días en Ourense, como ocorre sempre neste tipo de encontros, foi nas reunións informais que se organizaron á hora de comer ou no momento de tomar as copas pola noite, cando as cousas se puxeron realmente interesantes. Mesmo hai xente que non ten inconveniente en aceptar que o mellor dos congresos está nos tránsitos e os vestíbulos. É aí onde se establecen relacións de tipo persoal e onde nacen amizades que duran para sempre.

Naturalmente, hai cousas que se poden dicir en privado, pero que resultaría pouco adecuado falar delas desde unha tribuna. Non me refiro a rexoubas e maledicencias, senón a opinións serias e datos importantes que non se deben divulgar oficialmente para non molestar a persoas vivas, por exemplo. Por outra parte, hai xente que carece de dotes para falar en público por causa da timidez, pero que en privado se mostra elocuente e mesmo brillante moitas veces.

Quedan por último os bos conversadores, capaces de converter unha sobremesa nunha festa. O outro día, Alonso Montero contounos a un grupo pequeno de amigos unha divertida anécdota que lle sucedeu con Pío Baroja, a quen foi presentado, xunto con outros estudantes, polo inefable Edmundo Estévez. Nada máis abrir a porta don Pío, Estévez díxolle: “Aquí le traigo a estos jóvenes que son ateos, comunistas y revolucionarios”. Alonso Montero non sabía aínda que fose ningunha das tres cousas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xuño de 1993.