La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado, despois de visitar o Couto Mixto, a república pequeniña do sur de Ourense, como dicía o meu avó, fomos durmir a Vidago, en Portugal, nese hotel fermoso e decadente que a min me pareceu sacado dun conto fantástico. Non sucedeu nada importante nin curioso que poida ser narrado. De maneira que esta breve crónica de hoxe non ten unha mala historia que contar, a non ser que despois da cea, un pequeno grupo de amantes da noite sentámonos na terraza, ao aire libre, comodamente instalados en butacas de bimbio e que nos dedicamos a falar ata as tres e media da madrugada. A temperatura era boa e o ambiente moi agradable.

Non sei por que razón, acabamos metidos nunha difícil camisa de once varas. Quero dicir que nos deu por falar da orixe do universo, un tema dos que requiren tentarse a roupa antes de abordalo. Como non se trataba dun congreso e, por outra parte, ningún dos presentes era experto no asunto, a conversa non pasou de ser un simple xogo dialéctico. Naturalmente, había posturas encontradas.

Como é coñecido, os que saben destas cousas aseguran que da orixe do universo explícase case todo, con excepción do que sucedeu nas primeiras fraccións do segundo inicial. Aí foi onde se centrou a discusión. O domingo pola mañá, cando estabamos almorzando no gran comedor do hotel, coa luz do sol anunciando a beleza do día a través da claraboia, escoitei que alguén dicía nunha mesa veciña: “Están tolos. Dun lío dun segundo armaron un follón que durou máis de catro horas”. Decateime de que non lle faltaba razón. O que pasa é que, disparates á parte, pasámolo moi ben. Incluso contemplando na noite aquel feo do que estabamos a falar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xuño de 1998.